sábado, 1 de octubre de 2011

Día en Compostela...

Cando as portas do tren se abren e chego a esa estación un bonito sentimento recorre todo o meu interior. Onte pasei o día en Compostela e recordei momentos xa vividos anteriormente. A rúa Xeneral Pardiñas estaba a miña espera e alí camiñei durante un par de horas. As miñas tendas preferidas estaban agardándome. Que si, que son as mesmas que na Coruña, mais alí as vexo diferentes. Non máis bonitas nin máis feas, só diferentes. É nese momento cando me dou conta do moito que me gusta a roupa de inverno: as botas, os abrigos, as bufandas, os bolsos... Os ocres, marróns, negros e verdes destacan por todas as rúas e, de pronto, vexo, no fondo, a Alameda. Resulta apetecible un paseo por ese lugar nese día de calor, sentarse baixo as súas árbores e ver de lonxe a cidade. Esta vez non hai tempo, aínda quero visitar Maeloc, que coma sempre me conquistará coas súas delicadas e belas xoias. Cruzar a rúa do franco sempre é unha odisea debido á gran cantidade de turistas e peregrinos que queren chegar ao Obradoiro ou que buscan o mellor dos sitios para xantar. Cando por fin chego ao lugar de visita obrigada, hai algo que me chama moito a atención e é que a maioría da xente que hai dentro son todos homes. Nese instante penso: escolleron o lugar axeitado, acertarán, seguro. E tras pasar un bo anaco descubrindo as cousas novas e revisando as xa coñecidas chega a hora de marchar. Alguén me espera na praza Roxa para un xantar acompañado dun café dobre deses que nos quitan o sono. Aínda que o intentamos nin o MIR, nin as oposicións, nin as clases nos deixan durante uns minutos para disfrutar de nós, da cidade, do sol... Non sei se foi o esperado, mais non estivo mal. A chegada á academia indica un novo día de traballo. Para a semana que vén xa me toca expoñer un tema cheo de literatura, pintura, música e outras artes. De novo na estación chega a hora de marchar, mais xa non marcho coma antes pois sei que en tan só 7 días volverei a estar alí...


1 comentario:

  1. Santiago é a cidade da cultura galega. Nela é todo aprendizaxe, respirar outras sensacións que non se viven noutro lugar, pisar os adoquines da cidade vella que te conducen a esa fermosa Catedral onde reposan os restos de Santiago apóstol,... non ten precio.

    Entrar alí, en Santiago de Compostela é un auténtico luxo que moitos poden disfrutar gracias a ese Camiño, Camiño de todos que fai que o corazón e a alma ensanche a través dos verdes paraxes que o envolven.

    Coma ti, sempre que marcho, estou desexando volver.

    J´adore la belle ville de Santiago de Compostela :)

    ResponderEliminar