
Os soños forman parte da nosa vida e constitúen nela algo esencial. Xa no seu propio nome os SOÑOS teñen algo especial, pois, é igual que o leamos de esquerda a dereita que de dereita a esquerda, a maxia está presente neles. Todo o mundo ten algún soño na súa vida que dun xeito ou doutro desexa cumprir: chegar a ser actriz, ir á lúa, coñecer a un famoso cantante, triunfar no mundo da moda... Hoxe, día 6 de setembro, cúmprense catro anos dende que eu cumprín un dos meus, un deses que tes dende que eres nena, un deses no que levas tempo pensando, polo que levas tempo loitando e que, de pronto e sen contar, un día te sorprende coma se nunca antes o imaxinases. Agora, queda o recordo dese día, dese 6 de setembro de 2007, desa tarde fronte a Marola, desa merenda no xardín, desas doces palabras e das agarimosas mostras de cariño que recibín. Queda, tamén, o sorriso que se debuxa na miña cara cando recordo ese instante, a ilusión con que conto sen cansarme esa historia unha e mil veces e a forza coa que o meu corazón garda tan fermoso momento. Con cousas así, por que non soñar?





