jueves, 27 de octubre de 2011

23...


SEMPRE ME GUSTOU CUMPRIR ANOS. Eu non me sinto vella cada vez que un ano máis aparece na miña vida. Non sinto nada diferente na miña pel nin que o meu cabelo se torne branco. Tampouco sinto que a vida se me esgote nin penso en si me quedan moitos ou poucos anos por vivir. Cada vez que cumpro un novo ano, penso en todo o que pasou nese ano, en todo o novo que aprendín, na xente que coñecín, nos bos momentos e, tamén, nos non tan bos e os engado a miña vida coma se de pequenos tesouros se tratase. Tesouros novos e vellos. Tesouros que quedarán para sempre.

Cada ano que pasa é un ano de vida, de experiencia, de sabedoría. Cada ano que pasa é un novo reto, unha nova aventura que hai que afrontar con ledicia e ilusión. Cada ano que pasa é un instante de felicidade.

HOXE UN ANO MÁIS APARECE NA MIÑA VIDA, HOXE DÍGOLLES:

BENVIDOS, 23!!

domingo, 23 de octubre de 2011

.


E, por fin, CHOVE...

domingo, 16 de octubre de 2011

Chuvia


Sempre me gustou que as cousas acontezan cando corresponde: que as vacacións sexan no verán, que durante o curso toque traballar, que os sábados sexan días de festa, que os domingos se reúna a familia, que chova no inverno e que faga bo tempo durante o verán. O pasado xoves fun ao cine, esta vez tocou Larry Crowne e alí estiven durante hora e media con Julia Roberts e con Tom Hanks. Durante a película houbo unha escena na que Julia está dentro do seu coche e chove, e chove, e chove, e as pingadas estoupan fortemente sobre os cristais do coche mentres ela mira con tristeza. Foi nese preciso instante cando a nostalxia dunha chuvia incesante apareceu sobre min. Estamos a mediados de outubro e non entendo que non se mollen as rúas dende hai semanas, que as follas caídas das árbores compartan espazo co sol abrasante do día, que en lugar de botas continuemos coas sandalias, que a roupa de verán siga nos nosos armarios e nós desfrutemos dela máis que nos meses de xullo ou agosto. Non entendo que é o que está a pasar, non é o que corresponde e repito que a min sempre me gustou que as cousas acontezan cando corresponde. Xa non é tempo de verán, xa estamos en outono, xa quero poñer abrigos e botas de cores castaños e ocres, xa quero estrear o meu novo paraugas e xa teño ganas de que unha bonita bufanda abrace o meu pescozo. Canto teño que esperar?

domingo, 9 de octubre de 2011

Cambados





Dende sempre souben que era unha vila con encanto. Onte, tras moitos anos visitei un dos miles de lugares fermosos de Galiza, onte estiven en Cambados e non precisamente por un acontecemento feliz. A pesar diso, tiven uns poucos minutos para repasar o que recordaba de tempo atrás, situaba as cousas que visitei na vez anterior para poder recorrelas e fixalas na memoria. É, sen dúbida unha cidade de pedra que quizais recorde un pouco aos nosos antepasados. Os camiños, as prazas, as fontes... pequenos tesouros que semellan esconder unha historia detrás. Vila mariñeira, lugar natal do poeta da raza, capital do Albariño, que máis se lle pode pedir? Sen dúbida, quedei atrapada polo seu encanto. Espero non tardar en volver, iso si, esta vez, con máis tempo!

miércoles, 5 de octubre de 2011

Sandefjord

Sandefjord. Hai uns meses non sabía nin o que era, non sabía nin que existía e agora xa case é coma si o coñecese. Mais de 3000Km de distancia e case seis meses... Aínda recordo cando mo contaches: “Solicitei unha beca para marchar a Europa” dicías, “mais non creo que ma concedan” aclarabas sen aínda saber o que estaba por chegar. “Concedéronma” dixéchesme un día “e para un dos países máis caros de Europa: Noruega”.

Pronto comezamos a falar do frío, de como sería o cole, dos alumnos, da cidade, da familia, dunha viaxe programada... e así foi pasando o tempo e chegando o día, ese día para o que tan só quedan unhas horas. Este ano pasamos moito tempo xuntas, contámonos moitas cousas, vivimos moitos momentos e agora, aínda que só sexa por uns meses, aínda que sigamos falando, aínda que volvas por Nadal, non podo evitar que me entristeza o pensar que mañá sae ese avión que te leva tan lonxe. Será unha boa experiencia, aprenderás moitísimo, coñecerás a moita xente e xa verás como te vai moi ben mais pese a todo iso, botareite de menos.

Hoxe, dende aquí e con estas poucas palabras quero desexarte moita sorte nesta nova etapa da túa vida e que teñas boa viaxe. Vai coñecendo sitios e buscando cousas que se podo xa sabes que en breve irei a visitarte. Vive esa experiencia ao máximo e non olvides ser feliz, polo demais, todo irá ben. Un bico moi forte, Paula!


sábado, 1 de octubre de 2011

Día en Compostela...

Cando as portas do tren se abren e chego a esa estación un bonito sentimento recorre todo o meu interior. Onte pasei o día en Compostela e recordei momentos xa vividos anteriormente. A rúa Xeneral Pardiñas estaba a miña espera e alí camiñei durante un par de horas. As miñas tendas preferidas estaban agardándome. Que si, que son as mesmas que na Coruña, mais alí as vexo diferentes. Non máis bonitas nin máis feas, só diferentes. É nese momento cando me dou conta do moito que me gusta a roupa de inverno: as botas, os abrigos, as bufandas, os bolsos... Os ocres, marróns, negros e verdes destacan por todas as rúas e, de pronto, vexo, no fondo, a Alameda. Resulta apetecible un paseo por ese lugar nese día de calor, sentarse baixo as súas árbores e ver de lonxe a cidade. Esta vez non hai tempo, aínda quero visitar Maeloc, que coma sempre me conquistará coas súas delicadas e belas xoias. Cruzar a rúa do franco sempre é unha odisea debido á gran cantidade de turistas e peregrinos que queren chegar ao Obradoiro ou que buscan o mellor dos sitios para xantar. Cando por fin chego ao lugar de visita obrigada, hai algo que me chama moito a atención e é que a maioría da xente que hai dentro son todos homes. Nese instante penso: escolleron o lugar axeitado, acertarán, seguro. E tras pasar un bo anaco descubrindo as cousas novas e revisando as xa coñecidas chega a hora de marchar. Alguén me espera na praza Roxa para un xantar acompañado dun café dobre deses que nos quitan o sono. Aínda que o intentamos nin o MIR, nin as oposicións, nin as clases nos deixan durante uns minutos para disfrutar de nós, da cidade, do sol... Non sei se foi o esperado, mais non estivo mal. A chegada á academia indica un novo día de traballo. Para a semana que vén xa me toca expoñer un tema cheo de literatura, pintura, música e outras artes. De novo na estación chega a hora de marchar, mais xa non marcho coma antes pois sei que en tan só 7 días volverei a estar alí...