domingo, 25 de septiembre de 2011

O papagaio

Hoxe quero compartir con vós un recordo. Hoxe quero trasladarme no tempo a recordar un instante que xa nunca se repetirá. Un momento cheo da ilusión de dous nenos ante un novo xoguete: un papagaio. Lembro a ilusión con que foi feito, os paliños recollidos pola finca e o papel tirado dun vello xornal de noticias atrasadas. Lembro o entusiasmo posto para que funcionase e a subida polo camiño á parte máis alta para baixar correndo e que o papagaio voase atravesando o ceo. Primeiro intento... non funciona. Precisa menos peso, a buscar outros paliños. Segundo intento... Esta vez case o conseguimos, a corda ten que ser máis longa. Que vai, que vai!! Esta vez si. Nós cun enorme sorriso e ti cunha gran satisfacción. MIL GRAZAS por ese momento. Feliz 60 aniversario!!

sábado, 24 de septiembre de 2011

Un ano sen ti...


Cando penso en ti, aínda non podo crer que xa non esteas, que xa non vaiamos a vernos máis, que xa nunca volvamos a falar e que xa nunca nos vaiamos a abrazar. Cando penso en ti, recordo como nos coñecemos, o cariño que sempre me demostraches, as doces verbas que sempre me regalaches e os minutos que compartimos. Cando penso en ti, boto de menos tantas cousas...

Grazas por formar parte da miña vida durante tantos anos, grazas por ser tan especial e grazas por ensinarme a sorrir e a loitar...

viernes, 23 de septiembre de 2011

Comezamos!


É unha sensación entre habitual e pouco coñecida. Por fin unha das miñas cidades favoritas: Santiago de Compostela, mais tan só por unhas horas á semana. Onte subín ao tren co meu libro O retrato de Dorian Gray e durante todo o camiño fun pensando como sería, que pasaría, se coñecería a alguén, se me agobiaría moito... Era o meu primeiro día na academia de oposicións, un novo comezo, algo diferente a todo o anterior, algo que será longo, mais que desexaría que rematase o antes posíbel. Alí cheguei, un temario que xa case tiña olvidado mais era consciente de que o sabía case todo e a chegada da nova profe que resultou ser mellor do esperábel. Quedei contenta, a sensación foi boa, o peor, os primeiros temas: lingüística. De novo Jakobson, Saussure, Martinet... pero nunha semana xa literatura, que ganas de volver a estudar os meus autores preferidos, que ganas de recordar o xa aprendido e que pereza pensar en estar horas e horas diante dun papel intentando meter todo na cabeza. Como dixen, unha estraña sensación. E pronto, a programación. Toca decidir o curso, 4º de novo? Ou talvez bacharelato? Non o sei, teño aínda uns días para pensalo... Só quero poñerlle ganas e ilusión para intentar que sexa o máis levadeiro posíbel. Desexádeme sorte!

jueves, 22 de septiembre de 2011

Cos profes...



Hoxe miles de persoas acudiron a Compostela pedindo que se acaben os recortes na Educación. Eu, dende aquí quero mostrarlles o meu apoio. Moitas veces olvidamos cal é o traballo dos profesores e profesoras, olvidamos que son os creadores do futuro de todos os nenos e nenas do mundo e, en ocasións, dos non tan nenos e nenas. Olvidamos que non só traballan as famosas 18 horas senón que teñen ao longo do curso reunións, gardas, exames por correxir, clases por preparar, atendemento á diversidade, titorias... Olvidamos que mentres que outro traballador chega a casa e olvida o seu traballo o profesor busca novas ideas para levar á clase, para chamar a atención do seu alumnado, para innovar, para ensinar e para educar. Olvidamos as dificultades que supón o trato cos adolescentes, coa obtención da motivación, co proceso de aprendizaxe e finalmente co logro do éxito académico. Olvidamos o dereito a educación digna que teñen todos os alumnos e as alumnas. Hoxe entendo o enfado dos profesores e profesoras, o enfado dos opositores e opositoras, o enfado do alumnado e non entendo as protestas de moitos cidadáns. Hoxe, eu tamén, estou en folga.

lunes, 19 de septiembre de 2011

Paris, je t'aime


Din que é a cidade do amor e así é realmente. Tamén din que se trata da cidade da luz e concordo completamente. Soño con ser esa rapaza á que levas a coñecer ese novo lugar que aínda que xa antes visitei, síntoo como algo que nunca vin. Soño con ese instante en que me tapas os ollos para non ver algo que sen dúbida non olvidarei. Imaxino ese momento baixo a Torre Eiffel e recordo o sabor a chocolate daquela primeira vez. Quero levarte a un lugar onde sen dúbida nos perderemos, a maxia das súas rúas e das súas pequenas tendas nos conquistarán e as vistas de toda a cidade serán sen dúbida para recordar, ese é o lugar de Montmatre, onde os mellores pintores gravan con seus pinceis cousas sorprendentes. E, sen dúbida, desexarei subir unha vez máis esa infinita escaleira que conduce á campá de Notre Dame para logo baixar a navegar polo Sena e converter esa viaxe nun momento especial.
Paris, que ganas de volver!

martes, 13 de septiembre de 2011

13 de setembro


Neste 13 de setembro penso en ti. Penso na maxia, na ilusión, nas fadas e nas princesas. Penso no por sempre xamais e imaxino se ti tamén pensarás en min...

domingo, 11 de septiembre de 2011

11-S


Medo. Ese foi o sentimento de toda a humanidade aquel 11 de setembro de 2011. Medo xunto con impotencia, desesperación, inxustiza, irresponsabilidade e tristeza, moita tristeza. Hoxe, o meu pequeno homenaxe vai para aqueles que xa non están, para aqueles que ante un suceso tan desagradable optaron por tirarse polas xanelas, para aqueles que arriscaron a súa vida intentando salvar a outras persoas, para aqueles que deixaron as súas últimas mensaxes nos contestadores dos teléfonos, para aqueles que non viron nacer aos seus fillos e para aqueles que non chegaron a coñecer aos seus pais, para os traballadores, para os que voaban sen saber que o seu avión estaba secuestrado, para aqueles aos que nunca volveremos ver,e para aqueles que alá onde estean seguen no noso recordo.


http://www.antena3.com/especiales/noticias/11-septiembre/hijo-bombero-fallecido-11s-dedica-palabras-padre_2011091100031.html

martes, 6 de septiembre de 2011

Soñando...


Os soños forman parte da nosa vida e constitúen nela algo esencial. Xa no seu propio nome os SOÑOS teñen algo especial, pois, é igual que o leamos de esquerda a dereita que de dereita a esquerda, a maxia está presente neles. Todo o mundo ten algún soño na súa vida que dun xeito ou doutro desexa cumprir: chegar a ser actriz, ir á lúa, coñecer a un famoso cantante, triunfar no mundo da moda... Hoxe, día 6 de setembro, cúmprense catro anos dende que eu cumprín un dos meus, un deses que tes dende que eres nena, un deses no que levas tempo pensando, polo que levas tempo loitando e que, de pronto e sen contar, un día te sorprende coma se nunca antes o imaxinases. Agora, queda o recordo dese día, dese 6 de setembro de 2007, desa tarde fronte a Marola, desa merenda no xardín, desas doces palabras e das agarimosas mostras de cariño que recibín. Queda, tamén, o sorriso que se debuxa na miña cara cando recordo ese instante, a ilusión con que conto sen cansarme esa historia unha e mil veces e a forza coa que o meu corazón garda tan fermoso momento. Con cousas así, por que non soñar?

sábado, 3 de septiembre de 2011

Nova viaxe...

Dende sempre pensei que as viaxes son algo bo para a saúde e por iso hoxe comezo unha delas. Xa estou de novo na casa. A equipaxe aínda deambula un pouco perdida por este novo e á vez tan coñecido lugar; os recordos dun intenso verán envolven o meu pensamento e un pequeno anaco de nostalxia invade o meu corazón. É a volta á normalidade, unha volta que se quere mostrar, tamén, neste mellorado blog. Nel non faltará ilusión, ganas de contar, recordos, proxectos, soños e, sobre todo, RECORTES DUNHA VIDA.